Categorías
Artigos

Unha perspectiva feminista sobre as persoas sen fogar

Cando se trata de senfogarismo, adóitase notar a falta dunha perspectiva feminista. Por este motivo, é necesario concienciar á sociedade das dificultades que sofren as mulleres sen fogar, xa que polo feito de selo encóntranse silenciadas na nosa sociedade patriarcal e que, sumadas á situación de sen fogar, a súa marxinación é aínda máis notoria. O obxectivo deste artigo é abordar a cuestión do senfogarismo desde unha perspectiva máis inclusiva e resaltar a falta de información que existe ao respecto e o imaxinario social que rodea ás mulleres sen fogar.

Cando falamos de persoas sen fogar, debemos ter en conta que, como a situación de cada persoa é única e peculiar, non é un grupo homoxéneo: polo tanto, unha análise deste fenómeno non pode deixar de lado as individualidades e as distintas historias de vida de cada unha. Non obstante, podemos -e debemos- empregar unha perspectiva feminista e interseccional que teña en conta as seguintes discriminacións experimentadas por algunhas persoas que se atopan nesta circunstancia. Polo tanto, se falamos de persoas cuxo sexo asignado ao nacer é muller e viven nunha situación de sen fogar, podemos xeneralizar que sofren, polo menos, unha dobre marxinación -por ser muller e por estar sen fogar- e, co cal , maiores dificultades nas súas vidas. Ademais, esta discriminación aumentaría se falamos de aporofobia, transfobia ou racismo, por exemplo.

En primeiro lugar, antes de comezar a falar sobre a situación das mulleres en particular, imos resumir o concepto de sen fogar, xa que – ao contrario do que se adoita pensar se o tema non se coñece en profundidade – é moito máis que estar “na rúa”. Isto pódese tipificar do seguinte xeito, despois da Federación Europea de Organizacións Nacionais que traballan con persoas sen fogar (2008):

  • Sen teito: non ten aloxamento de ningún tipo e/ou vive nun espazo público;
  • Sen fogar: en aloxamentos temporais, en institucións ou en albergues;
  • En aloxamentos inseguros: baixo grave ameaza de exclusión por desafiuzamento, aluguer precario ou violencia doméstica/machista;
  • En aloxamentos inadecuados: en chabolas de asentamentos ilegais, en vivendas non aptas para a habitabilidade segundo a normativa ou onde haxa unha situación de masificación.

O feito de que a poboación en xeral teña o imaxinario social dun “home durmindo nun caixeiro” pode estar motivado por diferentes fontes, como os medios de comunicación, as redes sociais, a investigación, o estigma social que rodea a estas persoas, etc.

En primeiro lugar, é evidente que falta información e investigación sobre o tema, tanto na literatura académica como na comunicación xeral non especializada. De feito, se botamos unha ollada a diferentes recontos ou informes, podemos darnos conta de que a maioría deles se centran na primeira categoría das presentadas anteriormente – a de persoas sen fogar: sendo esta composta principalmente por homes e, co cal,  gran parte da literatura sobre o tema presenta informes centrados na experiencia dos homes sen fogar – exactamente esa figura é representativa dos sen fogar no imaxinario e discurso colectivo.

De feito, os medios de comunicación case non ensinan outras realidades deste grupo, o que resulta nunha ignorancia absoluta da poboación creando unha opinión pública que nada ten que ver coa realidade. Restaría con facer unha simple busca rápida en Google da expresión “sen fogar” para confirmar que a figura do home que vive na rúa, posiblemente en condicións degradadas, problemas de alcol e drogas, etc. – é hexemónico no discurso dominante.

Pola contra, se buscamos recontos ou informes específicos de persoas sen fogar que viven nun aloxamento inseguro ou inadecuado – entre as que hai un maior número de mulleres – é doado notar a escaseza de fontes tanto cuantitativas como cualitativas nestes grupos. Polo tanto, é evidente a falta dunha perspectiva feminista nas investigacións, xa que só contan cos sen fogar e sen teito (que, repetimos, só son dous subconxuntos do grupo máis amplo que chamamos “sen fogar”), deixando atrás e outros grupos á parte e escurecendo, así a boa parte das mulleres sen fogar.

Plaza (2019) dende a revista Pikara citando a Thomas Ubrich afirma:

“Estas situacións existen, sabémolo, pero non se recollen datos e non se poden poñer en práctica as políticas. Invisibilizámolo todo. […] As mulleres sen fogar son invisibles, pero existen. Coñecín a algunhas que van durmir a urxencias porque non teñen onde ir. E así é como se están facendo invisibles, non se as ve”.

Así, están invisibilizadas exactamente as persoas para as que a situación de sen fogar é socialmente máis dura. O feito de que a porcentaxe de mulleres sexa baixa entre as persoas sen teito está relacionado con varios actores estruturais da nosa contorna socioeconómica, que inclúen, entre outros, a división sexual do traballo, o papel central das mulleres no traballo de coidado (en coidar nenos ou anciáns), violencia machista, etc. En xeral, para unha muller vivir na rúa representa un risco moi alto en termos de seguridade da propia persoa e da súa familia.

Dende a Asociación Realidades (2018) expóñennos o seguinte:

“A brecha salarial, o peche do mercado laboral das mulleres, que estamos reducidos a un papel materno/reprodutivo e á esfera privada do fogar, a obxectivación sexual e o dobre estigma o social (ser muller e por estar sen fogar), entre outros factores, fai que moitas mulleres sigamos mantendo unha alta dependencia económica das nosas parellas ou doutras persoas. Unha simple ruptura emocional pode implicar para nós a ausencia de recursos económicos básicos para a nosa supervivencia e benestar social. Por este motivo, moitas mulleres manteñen relacións insatisfactorias ou emparellámonos simplemente para ter un “elemento de protección”, prostituímonos, intercambiamos compañía ou coidamos a cambio de aloxamento, incluso chegamos a non denunciar agresións e violencias machistas, para non acabar na rúa. Un compañeiro dixo: Non es unha persoa na rúa, es unha muller na rúa.”

         Con isto, podemos ver cantas mulleres chegan ó extremo de preferir soportar situacións de violación e prostitución en lugar de pasar a noite na rúa, xa que as súas vidas son moito máis complexas nese ambiente e deben enfrontarse a maiores riscos que os homes. Os datos que podemos atopar no Instituto Nacional de Estatística (2012) móstrannos, efectivamente, que o 40% das mulleres sen fogar foron agredidas e o 24% sufriu agresións sexuais, a diferenza dos homes, que só o 1,5% afirma que sufriu ataques deste tipo, o que confirma o que é obvio para calquera muller: é dicir, o ambiente da rúa é unha zona de alto risco para a nosa supervivencia.

Hai que engadir que o risco de agresión é alto, non só na rúa, senón tamén en estruturas de acollida que deben ser un espazo totalmente seguro para todas as persoas que os frecuentan: se tomamos a modo de exemplo o noso entorno máis próximo, na cidade de Pontevedra todos os espazos habilitados son compartidos con homes. Isto significa que as mulleres experimentan diferentes actitudes machistas, sufrindo degradación, humillación, exclusión, medo, incluso en contextos nos que deben sentirse máis protexidas. Así, non é de estrañar que traten de evitar estar en situacións de  sen teito ou sen fogar e prefiran vivir, por exemplo, en vivendas masificadas ou inadecuadas. Isto non significa que o traballo realizado por asociacións e centros especializados non sexa fundamental, senón que as persoas profesionais do traballo social deberían pensar seriamente no desenvolvemento e implementación de metodoloxías centradas nun enfoque inclusivo e feminista, que prioricen as necesidades específicas dos grupos máis marxinados. 

Polo tanto, parece claro que é necesaria unha perspectiva de xénero no traballo social con diferentes grupos e en todos os ámbitos, xa que as realidades das persoas con sexo ou xénero feminino están asociadas á discriminación en todos os contextos –  incluso en situacións sen fogar. Ademais, se a educación de xénero é fundamental en calquera ámbito (profesional ou informal) debido ao atraso evidente que xeralmente existe na nosa sociedade neste tema, convértese – se é posible – aínda máis fundamentalmente no traballo con mulleres que xa están máis marxinadospor factores que se suman ao xénero, como estar sen fogar. Nesta perspectiva, un enfoque interseccional sería esencial para comprender e xestionar a pluralidade de realidades ás que se enfrontan as persoas que viven este tipo de situacións. Por este motivo, considérase importante que todas as profesionais que traballan con persoas sen fogar reciban unha educación sobre este tema, xa que a intervención co colectivo non pode ser xeneralizada, senón que hai que considerar as  diferentes realidades que experimentan as persoas que fan parte dese grupo.

Afortunadamente hai realidades formais e informais que tratan de desenvolver e implementar servizos que axudan ás mulleres sen fogar en particular – a asociación AIRES ou Asociación de Realidades en Madrid, Casa Internazionale Delle Donne ou Lucha y Siesta en Roma, por exemplo – Non obstante, se observamos o contexto xeral do traballo social nesta área, é necesario demostrar que na maioría dos casos non se presta unha atención adecuada á cuestión como debería ser.

Na actualidade atopamos unha falta de formación en xénero para as persoas que traballan no ámbito social, o que dificulta a cobertura da importante necesidade de abordar esta perspectiva dun xeito transversal. Esta falta de formación para as profesionais leva á falta de ferramentas para levar a cabo unha intervención adaptada á realidade do grupo de mulleres. A necesidade desta formación e de contar con profesionais especializadas en xénero teñen como finalidade proporcionar esta perspectiva feminista ás accións que se desenvolven desde as profesións sociais e, así, evitar erros nas intervencións. En todas as organizacións e servizos públicos que traballan desde o social, a perspectiva feminista debería ser unha prioridade. 

Por outra banda, é necesario que tanto no ámbito académico como no contexto dos medios de comunicación se desenvolva unha perspectiva máis inclusiva que permita transmitir unha visión máis completa e precisa do grupo de persoas sen fogar e do seu contexto. É esencial que o discurso xeral sobre o asunto – xulgador e centrado no estereotipo do home sen fogar – se afaste da súa postura moral e patriarcal para dar visibilidade á variedade de experiencias das persoas sen fogar, destacando tamén as causas estruturais das súas situación creada polo noso contorno socioeconómico.


Referencias

Estela Regueiro Chaves é unha traballadora social con experiencia en senfogarismo formada pola Facultade de Santiago de Compostela. Fixo o seu traballo final de grao sobre o imaxinario social que existe ao redor deste colectivo. Participou como voluntaria nun campo de traballo con nen@s, moz@s e mulleres no norte de Marrocos. Ten varias publicacións en congresos, como o “Congreso internacional sobre el cannabis y sus derivados” e o “Congreso SEMERGEN”.

Traducido ó galego por Maria Aguión Lamas.